Opinión

O xuíz divide o soberanismo

O INDEPENDENTISMO catalán está dividido en tres. A CUP sempre foi por libre, pero a sintonía (ás veces forzada) entre JxCat e ERC que os levou a unha candidatura común quebrou de súpeto. O que non conseguiu o xuíz Llarena retorcendo a interpretación da lei e enviando a prisión os líderes secesionistas logrouno agora ao ordenar, noutra lectura particular da lexislación, o cese provisional dos deputados procesados. O partido de Puigdemont segue optando pola sublevación parlamentaria, o que podería levar a novos representantes á cadea, mentres que o de Junqueras, máis funcional, non quere que haxa outros mártires. Curiosamente, os herdeiros da pragmática Convergencia radicalizáronse e, pola contra, os do histórico partido que xa gobernara Cataluña na Segunda República modéranse para coller impulso porque saben que sen un apoio do 60 por cento da poboación non haberá escisión. JxCat mira en curto e ERC en longo.

Comentarios