Opinión

Os xuíces, independentes

A INDEPENDENCIA xudicial non se discute. Os xuíces que ocupan altos cargos de representación institucional non teñen por que seguir directrices dos partidos aínda que sexan nomeados por iniciativa deles; terán toda a liberdade para a interpretación das leis. Por suposto que Concepción Espejel, apartada do caso Gürtel pola súa relación co PP, ten toda a independencia no seu novo posto no Tribunal Constitucional, igual que Enrique Alcubilla, colaborador da Faes que preside José María Aznar e que defendeu a Enrique López cando fora detido por conducir ebrio e polo que tivo que deixar o TC; hoxe este é conselleiro de Xustiza en Madrid con Ayuso. Juan Ramón Sáez é próximo a IU e Inmaculada Montalbán ao PSOE, pero iso non quere dicir que cando tomen decisións non sexan independentes, pois segundo este concepto a xudicatura é inmune ás inxerencias dos poderes políticos, ás intervencións partidistas, vitais para a separación de poderes. Seica.