Opinión

Votar tras unha agre campaña

DEBATES a catro, fichaxes intempestivos, bandeiras por programa en vez de ideas, máis belicosidade verbal que en ningunha outra campaña, na que as redes sociais foron capitais. De feito, mentres os candidatos a presidente se enleaban na televisión nun fragor que raiaba a mala educación (uns máis ca outros, claro), os partidos facían ferver internet. E chega o día da elección dun Congreso que estará máis atomizado que nunca, encamiñado a pactos obrigados que os asinantes enxalzarán e os opositores repudiarán, pois a radicalidade que case todos amosaron pecha cancelas para a transversalidade e empurra cara dúas frontes substitutas do antigo bipartidismo. Son pasados os tempos de maiorías absolutas e chegados os de acordos para gobernar, a non ser que se produzan bloqueos como o que levou a Rajoy a meses de interinidade, que desta non se presume. Pero con tanta volatilidade, asegurar algo como todo o anterior ten risco de ter que tragalo.

Comentarios