Opinión

De volta para buscar a remontada

XA ESTÁN todos. Iglesias abre campaña logo de que Sánchez, Casado e Rivera leven meses de actos promocionais. E faino para unhas eleccións nas que as enquisas o colocan cuarto e uns días despois de que a súa parella e portavoz no último treito parlamentario vaticinara que Podemos contará pronto cunha muller á fronte. E con resultados adversos, a lóxica política encamiña a un cambio na secretaría xeral (a saber o xénero), incuestionable cunha trompada e dubidoso se é determinante na aritmética do hemiciclo. Só para conservar o que ten, Iglesias precisa remontar. Hai tres anos disputaba co PSOE o liderado da esquerda e o segundo posto no Congreso, pero desta volta o voto útil, tan significativo en calquera elección, xoga na súa contra, e ademais encara o 28-A cun partido atomizado, polo que a súa volta á primeira liña tras a baixa paternal non se produce nas mellores condicións. Ante este panorama, a campaña para el será decisiva.

Comentarios