Opinión

Vertebración imprescindible

TARDE, pero chega a reivindicación política para que Galicia se una por tren con Europa desde Vigo e A Coruña por Monforte. O reto está en que a demanda se converta en realidade. É unha das eivas da escasa vertebración galega, continuidade da centralista española de Madrid cara as beiras pero escasamente uniforme dentro dalgúns territorios, o galego entre eles. O problema endémico do ferrocarril únese á mal deseñada unión por autoestrada coa Meseta, coa bifurcación en Benavente en vez de en Monforte (Ourense-Vigo por un lado e Lugo-A Coruña por outro), e desa terrible decisión vén agora a necesidades das autovías Lugo-Monforte ou Ourense-Ponferrada. Para ir cara unha Galicia cidade única que ata agora só é de palabra precísase vertebrar, que permita conectar por estrada rápida e tren decente os habitantes de cada cidade ou incluso a costa norte galega, que semella apartada do mundo. Ningún Goberno galego amosou interese. A ver se agora.

Comentarios