Opinión

Un istmo, case illa

FÓRA DO AVE, fóra do corredor atlántico de mercadorías con Europa e agora fóra da rede de hidróxeno verde que se daba por feito ía entroncar en Zamora desde Guitiriz. Lugo, e Galicia, illadas neste esquinazo peninsular, desestruturadas no interior e con limitadas saídas cara o exterior. A exclusión do hidroduto dos fondos europeos deixa descolgada Galicia e así traba o abaratamento da enerxía. Foi o único ramal descartado de todos os españois a pesar do compromiso e de que esta comunidade conta con recursos esenciais para a xeración dun produto de futuro clave na descarbonización: a auga e a enerxía eólica, da que aquí, por certo, escaso beneficio queda do moito que aporta a quen a explota porque a maioría das empresas que instalan os seus parques nas catro provincias pagan os seus impostos noutros lares, igual que ocorre coa produción hidroeléctrica, só por falar de renovables. Non chegamos a illa pero somos un istmo, con estreita ligazón ao resto do mundo.

Comentarios