Opinión

Ultradereitistas a millóns

ANUNCIA Merkel que se vai paseniño, en 2021, nunha crise de liderado por non aplicar man dura contra a inmigración e os refuxiados. A ala conservadora do partido está descontenta porque ve como a extrema dereita medra a costa da cristiademocracia. O país no que naceu o nazismo volve ter un partido desa ideoloxía no Parlamento (non ocorría desde 1945) e a primeira ministra non logra frealo. Pero este fenómeno do ascenso xenófobo e racista non é exclusivo de Alemaña. En Francia e Italia están fortes e noutros países da UE (Hungría, Austria, Polonia, Bélxica, Dinamarca, Finlandia e Letonia) forman parte do goberno. E ultramar está Trump e aínda máis radical o novo presidente brasileiro, que non se recata en afirmar que o erro da ditadura foi torturar e non matar e que preferiría que o seu fillo morrera antes que ser gay. Acaba de ser apoiado por case 60 millóns de persoas. O problema non é que haxa líderes así, senón tantos votantes.

Comentarios