Opinión

Trolas con fins políticos

TROLAS con intencionalidade política constitúen un elemento esencial nas redes sociais, que se acrecenta en período electoral, como foi de cara aos pasados comicios andaluces. Foron especialmente activos os relativos á inmigración e os hipotéticos perigos que representa para a poboación patria, co que implicitamente se reclamaba un voto para quen defende, a similitude de Trump, "os españois primeiro". O hipotético musulmán agredindo enfermeiras nun hospital español resultaba ser un ruso borracho nun centro de saúde cerca de San Petersburgo; evidentemente non era certo que se retirara a decoración de Nadal nunha cidade para non ferir a sensibilidade dos árabes residentes nela, nin tampouco que nun colexio os nenos islamitas impediran aos demais comer bocadillos de xamón. Son absurdos estes e outros embustes, pero a limitación de espírito crítico da xente fainos cribles, e coa reprodución nas redes espállase a doutrina. Iso buscan, e votos.

Comentarios