Opinión

Trampas antipatrióticas

MOITO PATRIOTA amarelovermello de pulseiriña ou de cinta no coche pero con residencia fiscal en Suíza, Panamá ou algún outro paraíso, se non oficial ás agachadas, que aínda é peor. Eles que poden, e saben. Non é exclusiva española a fraude. De feito nos papeis panameños figuran potentados de case todo o mundo, incluídos de países que por aquí temos como máis honestos có noso en cuestións tributarias. Dinamarca, poño por caso. Pois este Estado decidiu comprar a información sobre os estafadores, porque considera que lle resulta rendible. Estudado o asunto, conclúe que a recuperación do defraudado para as contas públicas resultará maior có pagado polos datos. Tamén isto demostra que a inversión en persecución fiscal compensa, e que as administracións poderían facer máis esforzo para evitar as trampas. Iso sería un bo exemplo de patriotismo, pois representaría a mellor defensa do país.

Comentarios