Opinión

Traficar coa desgraza

EN TODAS as sociedades hai delincuencia, repulsiva sempre excepto para quen a practica, algunha de luva branca achegada aos poderosos pero aínda máis noxenta cando os defraudados son os menos favorecidos. A familia que acaba de falecer nun incendio de Barcelona foi vítima dunha mafia de okupación á que tivo que pagar para poder malvivir nunha antiga sucursal bancaria. Hai nada foi detido un home acusado de estafar con doazóns destinadas aos que o perderon todo na Palma. Cada vez que ocorre unha desgraza sempre hai voitres desalmados que intentan sacar proveito. Caiucos, pateiras, calquera embarcación que poida saír de porto aínda que non chegue a outro é utilizada por bandas organizadas para explotar os desesperados que foxen da miseria, da guerra ou dos enfrontamentos tribais. Traficar coa miseria é o máis baixo ao que pode chegar unha sociedade, iso e arremeter, só por ter outra ideoloxía, contra quen acaba de morrer.