Opinión

Tarde, pero chega

HAI 44 ANOS iniciouse a Transición, pero non está clara a data de remate, se é que se produciu xa, ao mellor onte. Quizais aínda falte a localización e identificación de miles de executados para pechar o círculo, pero o traslado do ditador solventa unha anomalía democrática permitida durante demasiado tempo. Con este simbólico cambio non se acaba co franquismo, porque como explicitaba El Roto nunha viñeta os restos de Franco non estaban en Cuelgamuros, senón nas mentalidades. E os vestixios mantéñense en millóns, desde os partidos que rexeitaban o desenterramento coa escusa do gasto e o tempo transcorrido aos directamente nostálxicos que se congregaron para enxalzalo. Pero así acábase cun símbolo do antigo réxime, coa aberración de manter unha tumba de Estado a un ditador nun monumento creado para a súa glorificación. Tarde, e sen consenso, pero repárase unha cuantiosa débeda que co paso dos anos non se fora amortizando.

Comentarios