Opinión

Taboleiro quebradizo

REMOCIÓN profunda en Cataluña. Lóxico despois do acontecido nos últimos anos, e así o taboleiro non se asemella en case nada ao de 2017. As siglas son idénticas, pero ningunha formación repite aspirante, por encarceramento, fuxida, defenestración ou mudanza. Xa non lideran Arrimadas, Puigdemont, Junqueras, Iceta, Domènech, Albiol ou Riera, e incluso o daquela segundo partido, JxCAT, agora está dividido en tres, aínda que os do expresidente sigan sendo dominantes. E se vimos de sete grupos con representación, é moi posible que se incremente pola irrupción de Vox, por moito que en Cataluña sexa mínimo. E outro cambio tamén significativo. Hai algo máis de tres anos o independentismo dividido en tres non ofrecía dúbidas de pacto se daban os números, pero desta volta calquera cousa é posible, desde que ERC conte con PSC e Comú-Podem para formar Govern se suman deputados ou que todo continúe igual despois de tantas variables.