Opinión

Superar a corrupción

CANDO parece que o PP ten amortizada a corrupción que como lastre o acompaña desde hai anos xorden novos escenarios que non lle permiten fuxir dela. Pagou un alto prezo pola Gürtel aínda inconclusa coa perda do poder central e iso parecía un punto de inflexión desde o que impulsarse para a volta ao Goberno desde unha sede nova coa que borrar o pasado, pero de cando en vez a inmoralidade, se non a delincuencia, proxéctase á actualidade para emborranchar as prospeccións demoscópicas. Ex dirixentes como Cospedal e Aguirre recuperan protagonismo cuns audios de hai tempo que reflicten os sumidoiros do Estado con Villarejo como guía e parapeto que preserve da luz a perversión, e a utilización da Policía para elaborar informes falsos contra rivais políticos, o manexo institucional con fins partidistas, como para dar crédito ao que sostén Sáenz de Ugarte, que a corrupción ten as patas máis longas que a capacidade do PP de deixala atrás.