
Somos malos
Non somos mellores, nin individualmente nin como sociedade, a pesar de que se cría que esta pandemia deixaría algo bo. Pois non, máis ben parece o contrario. De feito, agora diferéncianse máis os comportamentos incívicos e irrespectuosos cos demais ao non levar máscara ou fumar na rúa camiñando á beira de outros peóns. Non se ve o irresponsable, pero as cidades son exemplo da desconsideración de miles de usuarios do novo elemento obrigado para a cara neste tempo de virus. Achegarse polos arredores do hospital lucense produce noxo pola cantidade de lixo acumulado, incluído máscaras a manchea. E máis síntomas de que non melloramos. Seguro que algúns dos que isto len celebran a desaparición dun rival político, e refírome á desaparición definitiva; pois non hai peor maldade que iso, que non difire en nada en desexar o fusilamento de 26 millóns de persoas, todas as dunha ideoloxía diferente. Maldade antes, agora e despois da pandemia.