Opinión

Sometidos a crítica, como todos

CERTO que non é moi acaída a crítica dun vicepresidente de Goberno a un dos piares do Estado, pero como calquera deles está suxeito a xuízo público, sexa executivo, lexislativo ou incluso o Rei. Non lle gustou ao Poder Xudicial que Pablo Iglesias o cuestionara polos azoutes recibidos de Europa por unhas cantas decisións relativas ao procés das que aínda non se saben as repercusións e que se aventura de longo percorrido, propio da Xustiza, de aquí e de acolá. Sentoulle tan mal a reprobación pública nunha entrevista televisiva que o Goberno dos xuíces recorre a unha declaración institucional para elevar unha petición ao vicepresidente. Ou sexa, que o CGPJ pode apercibir aos demais pero non á inversa, e iso que recoñece no mesmo texto de reproche "o máis absoluto respecto ao dereito de liberdade de expresión". Calquera pode cometer erros, e Europa xa llos exhibiu en excesivas ocasións, e non por iso se ataca o Estado de Dereito, aínda que se critique.

Comentarios