Opinión

Sementar odio, recoller violencia

POUCAS HORAS despois da presentación dun xogador de fútbol na que se aproveitaba para resaltar oralmente valores do seu novo club, centos de afeccionados do mesmo equipo pero de baloncesto soltaban un abano de improperios contra deportistas do rival, menosprezos e insultos dispares que as redes multiplicaron para amosar a cara irrespectuosa e agresiva dunha sociedade á que os representantes públicos marcan o camiño cunha linguaxe aceda. Cinismo similar de quen na páxina web reflicte a humildade como mérito logo de proclamarse na primeira frase onde se destacan os pretendidos valores como o club máis grande de todos os tempos. Institucións e organismos empregan violencia verbal, ou transixen con ela como cando se produciu contra un futbolista da selección española de fútbol pertencente a un club catalán na celebración dun título. Exteriorización do racismo e a xenofobia tamén. Foméntase o odio e o lóxico é que así se propague.