Opinión

Seica vale calumniar

CALUMNIAR deixa de ser delito para entrar dentro da liorta política se o atacado é un representante público. Entón calquera podería asegurar sen temor a represalias penais que o presidente do Goberno é traficante de armas e que foi intermediario dalgunha operación pola que chegaron fusís a un grupo xihadista. Ou que o xefe da oposición é o líder dunha rede criminal encargada de evasión tributaria con centro neurálxico nas illas Caimán. Tanto ten que non sexan certas estas esaxeradas vulneracións da legalidade, o acusador non sería condenado se o tribunal sentenza igual que cando un militar vinculou a un ex-vicepresidente co narcotráfico venezolano e o terrorismo internacional e deu por feito que era financiado polo réxime iraniano, entendeu que el así o cría e reproducía. E como é máis doado admitir un bulo que cen razoamentos, a imputación falsa da comisión dun delito esténdese como polvoreira sen castigo, porque o xuíz exculpa a inxuria. 

Comentarios