Opinión

Seguridade máis que democracia

XA ESTÁ. Pasou o 31 de agosto e as tropas estranxeiras abandonaron Afganistán, como estaba pactado, despois de 20 anos de guerra. Daquela tiñan dúas misións, acabar con Bin Laden e formar un exército fiable, e todo para evitar no futuro atentados contra Estados Unidos. A primeira conseguírono tempo despois, pero a segunda non foron quen, quizais porque non é posible replicar por todo o mundo as fórmulas occidentais baseadas no maniqueísmo desfasado de bos e malos. O que buscaban era seguridade, a democratización do país importáballes ben pouco, igual que non lles preocupa a de Arabia Saudita, República Centroafricana ou Turkmenistán, só a protección dos seus intereses, incluídos os económicos. Afganistán é o lugar do mundo máis perigoso para ser muller, que de súpeto perde dereitos e liberdades, pero aos estados non os desvela, só evitar atentados e comerciar co novo réxime, co que negocian nun gran cinismo institucional.