Opinión

Rosalía, unha estrela

ROSALÍA (non a catalana homónima que ultimamente ten tanto éxito musical) é unha estrela que está a 240 anos luz, que no firmamento é como dicir aí ao lado, próxima a nós. A escritora que xa era universal é agora estelar, como dixo un dos promotores de que a autora do Rexurdimento teña un astro. A HD 149143 chámase oficialmente Rosalía de Castro, e xirando arredor Río Sar, exoplaneta sempre á beira, como unha das súas obras senlleiras xunto con ‘Cantares gallegos’ e ‘Follas novas’. Na constelación Ofiuco, o mitolóxico resucitador de mortos de gran similitude léxica co noso alto amigo da néboa que provoca continuos cortes na autoestrada A-8, brilla a matriarca das letras 130 anos despois do seu pasamento, reloce desde a súa inmortalidade. Visibilidade cósmica plena aínda que non fixera falta reanimala porque está moi viva. Non é que Rosalía teña unha estrela, como publicaron algúns, Rosalía é unha estrela que conserva no bico un cantar.