Opinión

Rexeneración imprescindible

AFANÁRONSE ESTAS tres últimas semanas os partidos en buscar pactos de gobernabilidade como se as pasadas fosen unhas eleccións calquera. Tanto os emerxentes como os partidos tradicionais, sobre todo o principal da oposición, negociaron o reparto de poder e uns cambios mínimos para a mellora da calidade democrática, posta en entredito por amplos sectores da sociedade civil e queixa asumida por varias formacións políticas.

Pero estes comicios reflicten a comezón dunha parte importante da poboación española e incide na desafección política clásica a pesar dunha participación en urna similar a outras convocatorias. De feito a abstención só foi un punto superior a catro anos antes, e incluso dous inferior a oito atrás.

Os cidadáns queren seguir intervindo na vida pública, é evidente, pero a dúbida é como, se só aplicar parches no enleado institucional para que todo siga máis ou menos igual ou se afrontar un cambio que conleve unha remoción logo do período máis longo de estabilidade democrática en España.

Contra as doazóns por devoción non hai nada que obxectar, pero se se fan por inversión a cousa cambia

Xuntáronse estes anos dúas crises, a económica, da que se sairá pronto ou tarde, a saber, e cunha ferida máis ou menos fonda, pero nada é eterno, e a institucional, que aínda non se afrontou, a pesar de que nalgunhas ocasións partidos dos chamados clásicos, polas décadas de existencia, lanzaron proclamas que aventuraban pasos adiante, como a desaparición das deputacións, que despois quedaron no casulo porque atoparon un tenaz rexeitamento interno, á parte do externo do principal partido competidor.

Cuestiónanse agora piares do sistema que ata hai nada parecían sólidos, desde a monarquía ao funcionamento dos partidos, desde a forma de elixir aos nosos representantes ata o bicameralismo, desde o poder xudicial e a influencia política nel á pervivencia de máis de oito mil concellos. Como se as mesmas deficiencias estruturais que agora se ven insoportables antes se transixira con elas como mal menor.

REXENERACIÓN. A Constitución, que vai para 37 anos en vigor, foi a base sólida sobre a que asentar a convivencia, pero bastante máis da metade das persoas que agora teñen dereito a votar en España (arredor de 34 millóns e medio) non puideron participar no referendo no que se aprobou, porque non chegaban aos 21 anos esixidos daquela ou porque nin sequera naceran (22 millóns). Estamos falando dos menores de 57 anos. A desatinada apreciación do líder de Ciudadanos, Albert Rivera, de que só os nados despois de 1978 poden liderar a rexeneración do país agacha, porén, a realidade de que a evolución do país non foi parella á das leis. De feito, só se emprenderon dous retoques constitucionais, o de 1992 para adaptar o texto ao Tratado do Maastricht no tocante ao sufraxio nas eleccións municipais para os cidadáns da Unión Europea, e o de 2011 para garantir a estabilidade orzamentaria que esixía a mesma institución supranacional. O bloqueo constitucional que manteñen os dous principais partidos, sobre todo o PP para frear as aspiracións soberanistas dos nacionalistas vascos e cataláns, impide outros posibles avances encamiñados á mellora democrática. Resulta anacrónica a existencia das deputacións provinciais logo do desenvolvemento do estado autonómico, igual que o solapamento que representa o Senado co Congreso retarda a solución lexislativa en vez de servir como cámara de representación territorial como realmente fora concibida, pero antes do desenvolvemento das autonomías, que cambiaron xa a principios dos oitenta do século pasado a estrutura institucional. E aí seguiu, como se nada pasara desde aquela. Lóxico entón que agora medren as voces que reclaman a súa desaparición porque en excesivas ocasións demostrouse acaído o apelativo de cemiterio de elefantes polo que é coñecido entre os críticos, por ser lugar habitual de xubilacións políticas.

Despois de tantos anos de democracia aínda se seguen contratando amigos ou familiares para organismos públicos

O control democrático non chega ás institucións porque as leis permiten utilizacións groseiras que os partidos aproveitan. Trátase de interese partidista, non de interese cidadá, porque o ben público xeral semella ficción. Acaban de pasar as eleccións e se rebuscamos en concellos seguro que nunha manchea deles atopamos recentes oposicións con bases feitas ao xeito dun aspirante a quen o goberno agasalla cun posto de traballo fixo como pago de algún favor. Despois de tantos anos de democracia aínda se seguen contratando amigos ou familiares para organismos públicos, amigos ou familiares que despois do seu paso como persoal laboral son reconvertidos en funcionarios por mor dos méritos adquiridos unicamente por traballar un tempo na entidade pública. Por isto e pola necesidade de colocación en postos de representación os partidos tradicionais son reacios a eliminar institucións. E así continúan as deputacións como no 1833, cando Javier de Burgos emprendeu no reinado de Isabel II e a rexencia de María Cristina a división territorial de España por provincias. E os concellos, en vez de minguar aumentan (xa son 8.122 en España, e a fusión Oza-Cesures é excepción), cando superan os mil os que non chegan sequera a cen habitantes, e hai outros case 2.800 que non pasan de 500 veciños.

TRANSPARENCIA. Porque os dirixentes dos partidos atopan unha férrea oposición nos seus mandos intermedios e cargos para as unións municipais. Pero se aquí houbo movementos e intencións, aínda que ao fin quedaran en nada, non ocorreu o mesmo coa transparencia financeira. E iso foi un dos principais motivos de corrupción, como se ten comprobado nos últimos anos, porque as formacións políticas precisan inxentes cantidades de cartos para afrontar con garantías non só o seu funcionamento diario, senón, e sobre todo, as campañas electorais. As cotas de militantes e as subvencións públicas son insuficientes, de aí que a outra pata para o financiamento, o das doazóns privadas, se convertan no xerme da podremia. Porque se hai doazóns por devoción, nada que obxectar, porque cadaquén reparte os seus cartos como quere; pero se se fan por inversión a cousa cambia. Porque se se entrega a un partido ou a un representante institucional unha comisión para que reverta nunha concesión dun contrato ou unha obra pública iso é corrupción. E semella que este procedemento está estendido coma un lameiro, e todo porque os partidos que dominan o panorama político destas catro décadas non frean este deterioro democrático.

Sen saír de Galicia, nas pasadas eleccións había unha trintena de aspirantes a alcalde con causas xudiciais pendentes

E outra eiva é o xeito de elección interna, tanto para as direccións dos partidos como para os cargos institucionais. E isto último está directamente relacionado coa lei electoral, que establece unhas listas ordenadas e bloqueadas (excepto para o Senado), o que leva aos políticos a depender máis das cúpulas que organizan as candidaturas que dos cidadáns que os votan. Lóxico que os partidos teñan control sobre quen representa as súas siglas, pero iso empurra aos políticos a separarse dos votantes. As listas abertas, como calquera outro método de elección representativa, amplamente defendida como panacea por grupos alternativos, tampouco é solución ideal, pero pódese buscar un método intermedio como o alemán, onde a metade é elixida de xeito directo e a outra polos partidos.

Mentres, o número de imputados (investigados ou procesados) continúa medrando nunha progresión imparable. Sen saír de Galicia, nas pasadas eleccións había unha trintena de aspirantes a alcalde con causas xudiciais pendentes, algo que contrasta cos programas marco de todos os partidos nos que se comprometía o combate contra esta perversión que está levando á descomposición do sistema. Se non se toman medidas, pasando das palabras aos feitos, a degradación irá en aumento e, consecuentemente, levará aparellada unha cada vez maior perda de confianza dos cidadáns nas institucións. Só a rexeneración política permitirá a imprescindible mellora da esixida calidade democrática.

Comentarios