Opinión

Retrasos por enfrontamento institucional

ATA AGORA quen gobernou en Galicia non amosou unha idea global, estruturada, de comunidade. Nin Fraga, nin Touriño nin Feijóo. Algunha decisión integral houbo, pero illada, por iso seguimos sen esqueleto, e por riba os enfrontamentos entre administracións paralizan ou retrasan ata décadas servizos necesarios. A conexión do porto seco de Monforte coa  N-120 sufre un novo bloqueo. Adif e Xunta difiren 18 anos despois de ideado o proxecto. Hai unha década a autoestrada Lugo-Santiago sufriu unha obstrución que agora se volve repetir por falta de sintonía das institucións de distinta cor. Algo que sucede tamén na cidade amurallada co novo auditorio, coa praia urbana, co museo da romanización no vello cuartel de San Fernando, e vou parar, pero hai tantas. E mentres, continúa a Galicia invertebrada, sen bo servizo de cercanías por tren entre todas as cidades, ou incluso nulo, como entre Lugo e Santiago. Faltan organización e sintonía.