Opinión

Reparto de actas para formar goberno

EXPLICOUNO con cifras quen todo indica que será a próxima alcaldesa de Santiago: a suma dos partidos que foron segundo, terceiro e cuarto alcanza os 26.000 votos, por algo máis de 18.000 do primeiro, entón representan a máis cidadáns. 54% fronte ao 38%, así que este non superaría a metade nin no caso de achegarlle os sufraxios das formacións que quedaron fóra do Concello. E hai institucións nas que a porcentaxe de apoio ao gañador é bastante menor; en Monterroso nin alcanza o 27%. Claro que pode gobernar o partido máis votado, aínda que sexa pírrico, se non hai acordo na corporación ou se no futuro se fixa por lei, pero habería que cambiala en profundidade, cunha segunda volta e maiores potestades para o alcalde sobre o pleno, pois se non sería ingobernable. Non é doado, igual que cambiar para que non haxa maiorías absolutas de un con menos votos cós outros partidos xuntos, caso de Chantada. Iso si que é reparto inadecuado.

Comentarios