Opinión

Sen razóns para o optimismo

NON SAIREMOS mellores, dixo Rosa María Sardá na súa derradeira entrevista, hai pouco, en pleno confinamento. Seguirá habendo tráfico de armas, legal e ilegal, manterase a explotación entre persoas, permanecerán os campos de refuxiados ateigados de desprazados por conflitos bélicos, continuarán chegando pateiras a países occidentais cargadas de xente que ninguén quere excepto na época da recollida da colleita.

Así de pesimista se amosaba a actriz na conversa con Jordi Évole, e lonxe do que en principio se aventuraba que esta pandemia aportará benignidade aos humanos todo indica que o mundo non virará de xeito tan radical como para que a bondade se impoña. De feito, observar o Parlamento español, co nivel de agresividade que transcende nestes meses, ou botar unha ollada por unha manchea de estados nos que campan a discriminación racial e outras actitudes malévolas, corrobora que logo do virus non vén un mundo mellor.