Opinión

Primeira subida nunha década

MOITO me temo que a tendencia poboacional que o último ano trouxo unha boa noticia a Galicia se torza, como case todo, por culpa da pandemia, pero ese dato amosa a boa liña. Por primeira vez nunha década a comunidade sumou habitantes, aínda que sexa pola chegada de persoas do exterior, por emigrantes pero tamén por galegos retornados, que compensa o saldo vexetativo negativo de máis falecementos que nacementos.

Volvemos estar por riba dos 2,7 millóns, que parece un listón psicolóxico do que non se debería baixar. E para iso a solución, polo visto cos últimos números, está fóra, por moito que haxa sectores xenófobos que rexeiten a entrada de inmigrantes, aínda que chegado o caso, como o actual, lamenten a ausencia de peóns para traballos agrícolas. Entón non, non nos veñen quitar o emprego, senón que eses e outros aportan para cubrir carencias poboacionais xa que non conseguimos nin reter moitos dos formados aquí.

Comentarios