Opinión

Prexuízos lingüísticos

O PEOR inimigo do galego son os prexuízos. Dío atinadamente a maxistrada Sandra Piñeiro nun dos artigos que estes días previos ao das Letras publicou El Progreso e que reflicten o estado do idioma en distintos ámbitos, bastante negativo en case todos eles. Eses prexuízos polos que un galegofalante cambia ao castelán cando recorre á Administración de Xustiza, acode a unha consulta médica ou efectúa unha xestión nunha notaría ou nunha oficina bancaria só se poden solventar con promoción, para que o cidadán non o sinta como unha lingua inferior e non teña reparos en utilizala en calquera ámbito da vida. As institucións gabaranse agora, polo 17 de maio, da súa achega ao idioma, cando os seus responsables son conscientes do escaso impulso, necesario para evitar que a tendencia siga á baixa, como así especifican as enquisas. Porque o día do galego deberían ser todos, non só mañá.

Comentarios