Opinión

Precisamos xente, pero rexeitámola

O GRAVE problema da despoboación só se soluciona con inmigrantes. Este aserto do presidente estremeño ben o podería subscribir calquera dos outros das comunidades que cada ano perden cidadáns, incluído o galego. Pero en vez de favorecer a chegada de xente de fóra, algúns sectores personalizan nos foráneos todos os males do país. E a través do principal vomitorio no que están convertidas as redes esténdense a xenofobia e o racismo: "Vaite ao teu país", berráronlle a Ana Peleteiro por ser negra sen saber que nacera no mesmo lugar que quen a insultaba. E aínda máis cerca, en Lugo, inventouse a noticia de que unha marroquí recollía produtos do Banco de Alimentos nun coche de altísima gama (de 90.000 euros, chegouse a escribir), cando a muller non era estranxeira, axudaba aos necesitados e o vehículo adquirírao por 12.000 euros. Imaxes para terxiversar, con ánimo perverso de chauvinistas que non aceptan o distinto, física ou culturalmente.