Opinión

Política do exabrupto

LÁNCARA vén de escenificar a «política do respecto», como así titulaba este diario para dar conta da homenaxe a 55 persoas que exerceron alí como concelleiros no que vai de democracia. Na maioría das institucións segue existindo esa consideración co rival político, pero ultimamente non ocorre o mesmo na principal representación popular, onde se oen menosprezos, insultos e exabruptos non sempre reprendidos desde a presidencia, e incluso calumnias, que serían denunciables porque imputan falsamente a comisión de delitos. Desde que chegou con forza ao Congreso a extrema dereita, a crispación estendida a través das redes sociais converteuse en asfixiante na estratexia de socavar o Goberno, agrandado polo seguidismo doutros grupos que temen distanciarse de quen marca o grao do agravio, dunha violencia política sen precedentes que carece de límites nin visos de poñerllos porque só se reclama contención, cando a única vía é a sanción.