Opinión

Pegada educativa

NOVO GOBERNO, novo plan de estudos. Ningún Executivo español prescinde das súas achegas ao currículo no ensino, é lóxico, pero iso conleva que desde posicións antagónicas non se poida alcanzar un consenso que permita perdurar no tempo. Anuncia a ministra de Educación que logo de catro anos da entrada en vigor revisarase a Lomce, tan deostada por algúns sectores, e que se incluirá unha nova materia que potencie os valores cívicos, chámese así ou cidadanía como na época de Zapatero ou de calquera outra maneira, pero que serva para fomentar os dereitos humanos, o pluralismo e a liberdade, en resumo, os valores democráticos universais, que para a sociedade son tan importantes como a lingua ou as matemáticas. E xunto a iso, a desaparición de Relixión como disciplina computable. Ideal sería atopar consenso, pero se non, este Goberno deixará a súa pegada educativa, como todos.

Comentarios