Opinión

Participación, crítica ou gregaria

Queda pouco para que se inicie a campaña electoral en Galicia pero seguro que non será tan intensa como a precampaña, que en enerxía dos contrincantes non se pode superar a teor de todos os actos organizados e dos apoios exteriores que están recibindo. As enquisas ofrecen escasa diferenza entre os aspirantes, un só por un lado e os demais xuntos por outro, polo que a vitoria da parte esquerda unicamente se conseguiría pola mobilización, pois na dereita está case asegurada. Proclamar que a esquerda considera que os seus votantes son idiotas, como fixo hai pouco un exmilitante de extrema dereita, é unha reflexión inexacta, pois os partidos desa tendencia seguro que son conscientes de que teñen os potenciais electores máis críticos, e por iso non sempre participan nas urnas. Esa implicación nas últimas xerais foi a que permitiu o goberno de Sánchez, e iso pretende estendelo a Galicia. Diso dependerá a Xunta, máis que do apoio na outra beira.

Comentarios