Opinión

Outra particularidade máis deste ano

ESTE dobre vinte atípico de confinamento naceu apestado sanitariamente e conmocionado economicamente, e nisto non é difícil aventurar que irá a peor. Pois a estas inauditas circunstancias é posible que se sume outra, aínda que se ben esas son graves estoutra entra dentro da orde; a peculiaridade atópase no mes de celebración. Nunca houbo en Galicia unhas eleccións en xullo, por ser tradicionalmente período vacacional, pero neste peculiar ano todo parece indicar que a convocatoria será no verán. Feijóo non se pronuncia, lóxico, mentres non se saiba cando rematará o estado de alarma, pero vistas as intencións de Urkullu e que Galicia e País Vasco veñen coincidindo nas urnas, todo apunta a que pronto haberá data. Pois canto antes mellor, porque se son en xullo iso significaría que entraríamos na nova normalidade, relativa, porque nada será igual a partir de agora aínda que en Monte Pío siga, se é o caso, o mesmo inquilino que leva once anos.