Opinión

Oltra, outra

OLTRA É OUTRA das persoas dedicadas á cuestión pública que se viu abocada a abandonar por denuncias que acabaron arquivadas, xa sen chegar a xuízo ou con sentenza absolutoria. Detrás estaban acusacións interesadas. Utilización da Xustiza para atacar rivais e ata conseguir acabar con eles. Directamente partidos, extraparlamentarios os máis e con militancia mínima, ou entidades próximas encubertas de asociacións, coa extrema dereita detrás a maioría das veces. Labor logo magnificado mediaticamente polos voceiros interpostos, que é o último e máis eficaz chanzo. Isto cando non fai directamente a Xustiza ese labor político sen intermediarios. O entorno do espazo rupturista ten exemplos a esgallo disto, non só a ex-vicepresidenta valenciana. A listaxe é inmensa, desde o que foi líder de Podemos para abaixo ducias de representantes públicos foron vítimas deste proceder sen que os executores recibiran castigo. Pola contra, gañaron a batalla. Esta tamén.