Opinión

Ocultos pola distancia

EMIGRA para evitar os focos de aquí, pois as polémicas que poida ter nos herméticos emiratos árabes pasarán desapercibidas, polo menos para os cidadáns que o teñen como cuarto na liña sucesoria da xefatura do Estado, detrás das súas curmáns menores Leonor e Sofía e a súa nai, que máis que apartar a Froilán dos altercados intenta evitar que transcendan. O fillo da duquesa de Lugo acompañará no exilio ao seu avó, convencido xa este de que non poderá retornar a onde reinou, aínda que legalmente poida, logo do simulacro de hai meses en Sanxenxo. Interesado unicamente nas esmorgas, Froilán compartirá residencia a estrear co emérito, que a infanta entende que poderá enderezar o seu neto maior, principalmente co exemplo da súa traxectoria. A Froilán acompáñao o escándalo e a súa irmá vai facendo méritos para secundalo, pero a esta en vez de mandala a nai a Abu Dabi co avó se se enfada con ela pode enviala a vivir coa avoa na Zarzuela. 

Comentarios