Opinión

Obcécanse en propalar que son todos

EVIDENTEMENTE non son todos, pero coa cantidade de lameiros nos que andan embulleirados dirixentes políticos de distinto signo acentúase o ruxerruxe de que non hai político limpo. Xa ocorrera hai anos con sonados casos como o dos Ere, o Pujol, o Gürtel e tantos outros ás veces enmarañados como corrupción integral en partidos que podían estender a percepción de que os nosos representantes residían nun inmenso lamazal. Nin era certo daquela cando xurdiron os novos partidos que os poderes fácticos laminaron logo de que fixeran medrar algún, nin é certo desta volta por moito que o pareza nas últimas sesións parlamentarias, co PP intentando colocar a mensaxe de que todo o PSOE está implicado no caso Koldo e o PSOE alertando ao PP de que quen do partido denuncie corrupción en Madrid pode perder o cargo, como lle pasou a Casado. E todo aderezado con ataques persoais cruzados e co argumentario socorrido de «e ti máis» para perder todos.