Opinión

Non sae fortalecido

POIS RESULTA que estaban equivocados aqueles que vaticinaban que a moción de censura ía fortalecer o Goberno, e eran lexión, tal e como transcendeu no debate parlamentario incluso por parte de varios portavoces de grupos da oposición. A enquisa que publica El Progreso, elaborada logo da votación na que Vox non sumou a ninguén, recolle todo o contrario, que os tres partidos españois á dereita do PSOE medran en representantes en detrimento das dúas formacións do Executivo. Pero debemos entender que o estado de ánimo demoscópico vén de atrás, xa que só o 15 por cento dos españois viu positivo o intento de cambio de presidente, curiosamente a mesma porcentaxe que votaría pola extrema dereita. Non é tempo preelectoral, para as xerais aínda falta ben tempo, se ben o sondeo reflicte un leve desgaste gobernamental e un incremento, tamén livián, na oposición, o que agranda a polarización e igual que desde hai anos complica a xestión.