Opinión

Meter medo ou seducir

TRÁTASE DE LOITA polo poder, por suposto. En todos os partidos ocorre, a maior evidencia está agora no PSOE, pero no PP son ben sabidas as pugnas Cospedal-Santamaría. Son só dous exemplos actuais, pero se se volve a vista atrás as hemerotecas recollen casos a esgalla. Podemos non é excepción. Incluso pasa en partidos ben máis pequenos, grupusculares mesmamente, como para que non suceda no agora terceiro do país e con ansias de goberno. E para iso, para poder desenvolver tarefas executivas, tamén chocan dous xeitos de entender a política, o de meter medo a quen ata agora sustenta o poder ou o de seducir a sociedade para que o converta no grupo líder. E aí están Iglesias e Errejón, cada un cos seus partidarios, nunha disputa que segundo o primeiro é enriquecedor, pero que realmente reflicte unhas discrepancias estratéxicas sobre como exercer o poder dentro do partido. A pelexa segue.

Comentarios