Opinión

Malas formas, pero razón no fondo

FALLARÍANLLE AS formas a Juncker, pero no fondo tiña razón. Non é o primeiro mandatario que amosa os seus malos modos, como cando o presidente estadounidense apartou dun empurrón ao primeiro ministro de Montenegro para poñerse na ringleira de diante; ou cando o rei español agora emérito mandou calar ao presidente venezolano. Casos hai a centos, porque dirixente non é sinónimo de educado. Pero o cabreo do presidente da Comisión Europea pola ausencia nunha sesión de 721 dos 751 deputados do Europarlamento é comprensible. Facía balance o xefe de Goberno maltés do semestre que lle correspondeu presidir a UE, e parecía un desprezo que só acudiran 30 eurodeputados. Seguro que se foran Merkel ou Macron os que estiveran na tribuna a situación sería ben distinta. Casos así dan por boa a crenza de que este Parlamento é destino de luxo de políticos xubilados.

Comentarios