Opinión

O mal dos estereotipos

SEICA Pedro Sánchez é unha mala persoa por prescindir de fieis que percorreron con el a travesía desde a bancada case anónima do Congreso ata a atalaia da Moncloa. Mala xente, di o PP sobre Sánchez pola "carnicería" que acaba de executar no Goberno. Un Goberno que recompensará a bondade de dous senegaleses que defenderon como puideron a Samuel dunha manda depredadora na Coruña. Será regularizada a súa situación alegal en España. Sociedade diversa, esta e calquera, con bos ou malos, con mozos asasinos en grupo e inmigrantes que saen en defensa do débil. Neste caso nativos delincuentes e foráneos protectores nunha agresión, como podería ser á inversa, porque a benignidade non vén incorporada co lugar de nacemento, nin sequera de residencia. Non son daniños os menas, se algún hai, por atoparse sen familia nun país estraño, como non son bos os menores que participaron na malleira mortal por nacer en Galicia. Os malos son os estereotipos.