Opinión

Liberdade real

TEN MORRIÑA de Galicia, por iso quere volver. Máis que a España, a Sanxenxo, quizais para xuño, polo campionato do mundo de vela. Ninguén lle priva visitar ou residir aquí, como antes tampouco, pero os seus numerosos comportamentos irregulares aconsellaron cambiar Madrid por Abu Dabi; por non danar a Coroa e por temor a que os delitos acabaran sendo xulgados. A Fiscalía concluíu que non se pode axuizar, ben porque as infraccións prescribiron, ben porque o autor era inviolable cando se cometeron na súa estadía á fronte do Estado. Entón nada lle frea o retorno se así o desexa, tampouco é obrigado dar explicacións, igual que cando uns anos antes se escusou por unha viaxe de caza na que se rompeu a cadeira; nin pedir perdón, como tampouco o teñen que facer os españois críticos tras o arquivo da investigación sobre delitos fiscais, como demandaba unha organización xuvenil dun partido conservador, porque o feito, feito está.