Opinión

Interinidade continuísta

INICIO DE CURSO político inusual pola interinidade postelectoral no que o PP asume que desta volta non chegará ao Goberno. Discurso de oposición na convención dominical galega, non para encabezar un executivo dentro dun mes, aventurando unha lexislatura curta como na anterior etapa de errada predición para intentar un novo asalto á Moncloa. Necesidade de asentar un liderado que non cumpriu as expectativas de recuperar o perdido por Rajoy hai seis anos. O anterior presidente popular conseguiu o obxectivo no terceiro intento, igual que lle pasara tamén a Aznar. E a coalición gobernante pola contra asume que continuará ao iniciar os preparativos que desemboquen nunha lei de amnistía que contente ao independentismo catalán para apoiar a investidura. Porque os pactos pasados cos nacionalistas, tamén os dous vascos, non foron electoralmente lesivos para o Goberno, por iso pode elevar a aposta, entende que co risco limitado.