Opinión

Insubmisos e secesionistas

A VER SE vai ter razón Vox cando considera a Feijóo un nacionalista galego, case independentista, que non admite máis decisións que as tomadas aquí, como a que se pretende aplicar para toda España acordada no consello de sanidade en canto á hostalería. Imposición do Goberno, din, claro. Aínda que non é tan radical como outros presidentes, os de Madrid, País Vasco e Andalucía, abertamente sen acatar, nunha insubmisión que se fose Cataluña xa estaría recibindo pedradas mediáticas, xurídicas e políticas ao ver detrás secesionismo por non pregarse ás regras da centralidade. Por certo, que esta comunidade non chega a tanto e xunto con Murcia e Galicia rexeitan o establecido, pero sen estridencia. As outras non. E como titulou un periódico, o Goberno imponlle un verán horribilis a Madrid, por ter que pechar os bares á unha e o ocio nocturno ás tres. A Madrid, só a Madrid, como se os demais non existiran. A ver se Madrid vai ser o independentista.

Comentarios