Opinión

Infraccións de quen debe protexernos

QUE RISA que un policía viole unha muller. Divertidísimo, seica, para asistentes a unha homenaxe a quen por desgraza aínda novo se tivo que xubilar por secuelas dos disturbios pola sentenza do procés. Gargalladas cando a comisaria afirma que a algunhas lles encantaría ser sometidas sexualmente polos mesmos que contiñan as súas protestas. Excesiva alegría para algo tan denigrante. Custoulle o posto esta reflexión a quen debería protexer a cidadanía dos crimes que ela neste caso enaltece. Logo disto non está habilitada para integrar nunca máis as forzas da orde, aínda que sendo xefa policial en Pontevedra completou o curso para ascender a comisaria principal. E non só por este grave episodio, senón pola linguaxe guerracivilista de división entre nacionais e republicanos. Que dano fan axentes como esta, Villarejo, a policía política dos sumidoiros do Estado ou tantos outros que deben preservarnos dos criminais, e polo visto deles tamén.