Opinión

Incumpridores sen estrutura

INSISTE o PP nos incumprimentos do Executivo central en infraestruturas galegas. E con toda a razón, igual que antes facían os socialistas cando gobernaban os populares. Porque esta comunidade sempre estivo desatendida. Tanto que aínda non ten un Ave a Madrid case 30 anos despois de que chegara a Andalucía. O tren, en vez de potencialo entre as principais cidades para facilitar a mobilidade (pandemia á parte), na maioría dos casos mingua. Conectar Lugo con Santiago por Curtis é cuestión duns poucos quilómetros, pero nin sequera se reivindica. E con Ourense séguese case como no século XIX. E o mesmo ocorre coas autovías. Acumulan retrasos de lustros. E todo polo escaso peso político que aquí temos e por non ter deseñado un plan de comunicacións global galego. Vanse argallando proxectos a golpe de arroutada, pero non se ten visión de cidade única de Ribadeo á Guarda e de Ortigueira á Gudiña, e así agardamos, a maioría das veces en van.

Comentarios