Opinión

Imposible reparar danos

QUEN repara o dano causado a persoas como Orozco e Besteiro? Preguntábase retoricamente o exministro José Blanco cando estaba no outro plano, no de contestar en vez de cuestionar, nunha entrevista na que evitou dar leccións como van impartido outros políticos que deixaron a primeira liña e se resisten a converterse en xarros chineses (casos hai a esgallo). Pero a resposta é que non ten remedio o sufrido xudicialmente por Orozco e Besteiro en procesos de anos que para o primeiro acabou en nada e para o segundo vai polo mesmo camiño. O exalcalde xa ten dito que non retornará á vida pública e no caso do expresidente da Deputación aínda que recunque xa nada será o mesmo desde que se iniciaran as actuacións en 2009 logo dunha denuncia, as imputacións posteriores, as renuncias como candidato á Xunta e líder dos socialistas galegos e o arquivo da causa. Prexuízo que nunca será resarcido aínda que haxa segunda parte.