Opinión

Horarios lóxicos

NUNCA PODERÍA imaxinar que os baleares nos envexaran polo sol. Pois parece que si, pero non pola ausencia de nubarróns, senón porque aquí anoitece máis tarde. Evidente que entre Cataluña-Baleares e Galicia sempre haberá case unha hora de diferencia na saída e na posta do sol. E desde que se inicia o horario de inverno aquí anoitece ás seis e pico, polo que nas illas será pouco máis aló das cinco se se mantén unificado o horario. Nin sería un trauma que na España peninsular houbera dous fusos -en Estados Unidos existen catro, sen contar os de Alaska e Hawai- nin que se instaurara o mesmo que teñen Gran Bretaña, Portugal ou unha parte de España, Canarias. Seguir co de Alemaña por un xesto que lle fixo Franco a Hitler en 1940 non ten sentido cando o meridiano de Greenwich pasa entre Aragón e Cataluña. Relacionalo coa unidade estatal é ver pantasmas onde non as hai.

Comentarios