Opinión

Guerras

"A HISTORIA está chea de guerras que todo o mundo sabía que non ocorrerían" (Enoch Powell), como esta de Rusia e Ucraína. Un lucense traballador da embaixada española en Kiev destacaba non hai moito a tranquilidade coa que se vivía a acumulación de tropas de Putin na fronteira, como non créndose que puidera producirse un conflito bélico afeitos como están a vivir coa ameaza do poderoso veciño. Realmente a guerra comezara hai xa oito anos, cando Rusia se anexionou Crimea e controlou ademais a rexión sueste. Tampouco se cría que a finais do século XX puidera estalar un conflito bélico nos Balcáns que se levou por diante unhas 150.000 vidas; igual que o de Siria, no que por certo Rusia ten tanto protagonismo, ou moitos outros. A guerra é a derrota da diplomacia, e a historia da humanidade está e seguirá estando marcada por hostilidades, porque aínda que pareza incrible esta tampouco será a derradeira guerra por moito que nos pese.