Opinión

Gripalizar o covid

MOI BEN, consideremos o covid como gripe, entón como repercusión eliminemos as restricións, esas máis ou menos duras que non existían ata que chegou o virus novo. Iso, ou non adiantarse ao que poida vir. Os catarros non ocasionaban corentenas, aínda que se rebaixasen a sete días; na maioría dos casos o afectado acudía ao seu traballo e ás ucis apenas chegaban pacientes deste tipo. Pode ser o futuro, a convivencia cun mal endémico, con vacinas para atenuar os síntomas. Pero mentres, ningún gobernante debería atreverse a dálo por feito, máis nun impulso por propagar, ou propagandear, que xa todo marcha ben, porque iso podería levar os cidadáns a prescindir de precaucións. Os médicos de Primaria están divididos sobre a gripalización do covid, pero o presidente do Goberno xa o dá por feito, e nestes dous anos de virus hai experiencias abondo de rectificar mañá o defendido onte. Ás veces o optimismo supera a realidade. A ver se atina.

Comentarios