Opinión

A gran distancia da normalidade

DEBERÍA entrar dentro da normalidade que artistas, deportistas, periodistas ou calquera outro colectivo opinara libremente de política, amosara as súas afinidades e repudios ou incluso fixera campaña por algún partido ou candidato. Pero é excepción, como se nalgunhas profesións fose obrigado ser oficialmente apolítico, iso no que algúns se parapetan como en armazón para non exteriorizar as súas querenzas, aínda que as teñan como calquera. Por iso se converte nun pimpampum Piqué cada vez que entra en cuestións alleas ao fútbol (rectifico, nestas tamén), aínda que non parece preocuparlle demasiado. Ultimamente hai outros profesionais deste deporte que se atreven, como Carvajal, que lle respondeu a Eva Hache para exhibir a súa cercanía aos partidos de dereitas que convocaron unha manifestación en Madrid. Un país democrático non debería cuestionar un futbolista pola súa significación, pero polo visto dista moito de estar normalizado.

Comentarios