Opinión

Gobernos de coalición sobre os unitarios

Aínda estamos pouco acostumados aos gobernos de coalición, algo bastante usual por Europa adiante, sobre todo nos países que como España teñen sistema electoral proporcional, non maioritario. Cando en Galicia compartiron Consello da Xunta PSOE e BNG entre 2005 e 2009 o PP na oposición baseou boa parte dos seus ataques nos conflitos entre os socios, e certo foi que houbo ben deles. No que levamos de pacto PSOE-UP no executivo central os populares aproveitan as desavinzas, aínda que con menor intensidade, porque en Andalucía ou Murcia tamén gobernan con aliados. A ruptura co bipartidismo trae este novo escenario. De feito, agora en Madrid a disputa non está entre partidos, senón entre dúas unións: PSOE-Más MadridUP por un lado e PP-Vox por outro, en substitución do actual PP-Cs co apoio externo da extrema dereita, a non ser que o máis votado se resista á coalición e goberne en minoría, pero todo apunta a algún pacto. Novos tempos.

Comentarios