Opinión

En Galicia algo, en España nada

Non hai maneira. O PSOE e o PP están tan distantes que non se atopan puntos de encontro (prostitución á parte), nin antes con Casado nin agora con Feijóo, por moito que poñan interese en facer ver que están dispostos. Pola contra, en Galicia os líderes da oposición e o novo presidente tiveron algún achegamento, aínda que só fora para reclamar ao Goberno central máis competencias, prazas de médicos en formación e fondos europeos para a recuperación. En España, nin a máis mínima aproximación. Os populares seguen coa teima da baixada de impostos como se fose a panacea que os socialistas non aceptan e pola contra Sánchez require sen éxito do novo líder opositor que cumpra coa Constitución para renovar os órganos xudiciais logo de bloquealos durante tres anos. Iso si, tanto o presidente como o aspirante a desbancalo falaron de alcanzar acordos, como se tiveran intención; pero concreción, ningunha por falta de entendemento.

Comentarios