Opinión

Excesos na xudicialización política

O QUE NON conseguen os rivais políticos ás veces lógrano os tribunais. Decisións xudiciais teñen acabado con vidas públicas e non sempre por sentenza, por denuncias ás veces comprobado que infundadas, pero que cumpren coa escura pretensión de retirar da xestión a quen molesta. Sonada fora a dimisión do primeiro presidente de Castela e León por un xuízo no que acabou absolto, pero a súa carreira acabou alí, ao tempo que emerxía a de Aznar. Por Lugo o exalcalde Orozco non chegou a ningunha vista oral despois de múltiples acusacións que o acabaron xubilando, e o seu correlixionario Besteiro está saíndo do limbo tras sucesivos arquivos de causas. Dirixentes de Podemos son habitual diana xudicial con pouco éxito penal pero político efectivo e Ada Colau é a raíña das desimputacións; unha ducia delas leva. Non se poden obviar as condenas de corrupción, pero a xudicialización da política en excesivas ocasións leva a inxustizas.

Comentarios